martes, 26 de junio de 2007

Tornamos as meigas e cada ano somos máis


O prometido é débeda, e como xa adiantáramos noutro post, a noite de San Xoán pasámola no barrio en lugar de marchar á praia. Pero este ano non éramos os únicos, outro grupo de unha familia do barrio tamén saltou a lumeirada en Monelos. Quen sabe se para o ano xa somos tres? verémolo.

viernes, 22 de junio de 2007

O fin de curso


Hoxe rematou o curso escolar 2006/07, os nenos xa estaban desexando ter vacacións e os máis dos pais tamén, quedan por diante tres meses de praia e festa que ímos empezar este fin de semana coa lumeirada de San Xoán. Pero como non todo é lecer, no colexio Mª Pita antes de rematar editaron a revista das Nosas Letras, o seu xornal escolar, no que temos unha mostra do que fixeron os alumnos durante o ano.



martes, 19 de junio de 2007

A praia de Lazareto


Hoxe vamos á nova praia de Oza, pero antes de existir, no seu lugar estaba a de Lazareto, que eu xa coñecín co varadero ó lado. Non era moi recomendable nadar a dez metros de onde andaban a soldar nun barco, pero a verdade é que a praia sempre estaba chea no verán, e os mozos de Monelos pasábamos moitas tardes nela. Dende o noso barrio había que subir polo Castrillón, e polas leiras que hoxe son a praza de Pablo Iglesias, despois baixábamos ata Casablanca e de ahí atravesamos a vía do tren pola subida das Xubias e xa logo estabamos na escasa area que tiña. A nova praia de Oza é moito mais grande e ten mais servicios, pero despois de vir dela non teño esa sensación do salitre na pel, dando pasos cansos de volta a casa.

martes, 12 de junio de 2007

As lumeiradas


De aquí a poucos días, a noite do sábado 23, viviremos a noite de San Xoan. Non hai moitos anos, nesa noite toda a xente do barrio xuntábase nos aparcadoiros das torres dos mariñeiros; mentres os rapaces carretábamos madeira para facer a lumeirada, os maiores preparaban as sardiñas, ou esperaban sentados nas cadeiras a que chegaran as doce para plantarlle lume. Co paso dos anos o costume perdeuse e os mozos e os non tan mozos marchaban para as praias do centro para facer a festa alí. Pero o ano pasado rexurdíu a tradición, e xa fomos catro as familias que volvemos os aparcadoiros, ¿quen sabe os que seremos este ano?

sábado, 9 de junio de 2007

Os nenos do periódico do centro cívico de Monelos e o Depor


Na mañá de hoxe, os nenos que fan o periódico do centro cívico de Monelos (La Voz de Monelos), foron visitar os xogadores do Deportivo de A Coruña no entrenamento matutino na cidade deportiva en Abegondo. Pasamos todos moita calor, pero mereceulles a pena, xa que puidemos sacarnos fotos con case todos os xogadores e os dous entrenadores, e para mostra un botón: O da foto é Sergio, que xa é un gran amigo do periódico dos nenos, e ademáis sempre é moi amable con eles.

Tamén estiveron as rapazas de chicass10 do centro penitenciario de Teixeiro, aquí vai o seu blog http://www.chicass10.blogspot.com/.

viernes, 8 de junio de 2007

¿Pero quén pintou isto?


Si lle botamos unha ollada a fotografía, nos damos conta de que o que pintou, ou mandou pintar os carrís da avenida de Monelos nunca pisou o barrio. Hai anos que os que vivimos no barrio sabemos que a maioría do tráfico na avenida é de baixada, e aínda por riba o comercio está nesta banda do asfalto, isto fai que moitos conductores deixen os coches en dobre fila, e se o engadimos a que o único carril de baixada é sensiblemente máis estreito que os dous de subida, que normalmente están baleiros, temos o colapso asegurado.
Así que desde este caderno, pedimos que as cabezas pensantes do concello, polo menos que midan os carrís de Monelos, e que si teñen un pouco de tempo libre entre ascensores e tranvías, invertan as súas medidas.

PD.
Hoxe ao chegar a casa dixéronme que bachearon a avenida, e cando me asomo a ventá ¡sorpresa! Xa case non hai baches, non sei si terá algo que ver o post do outro día o xoves 10 de maio.

miércoles, 6 de junio de 2007

Festa fin de curso no colexio Mª Pita


Este venres día 1 de xuño celebrouse no colexio Mª Pita unha festa organizada pola APA, na que os nenos tiveron xogos como o de levar o ovo na culler, o xogo das cadeiras, e o pano. Os nenos pasárono moi ben, e despois os pais tiveron un partido de fútbol, primeiro eles sos e logo cos nenos da man. Ó final houbo quen abríu a billa da auga do patio e os rapaces fixeron a súa propia festa da auga. O fin de curso está a chegar.