sábado, 20 de octubre de 2007

Mirar antes de cruzar


Alí vai unha foto do cruce entre a avenida de Monelos e o final do camiño da igrexa, a verdade é que antes había un espello deses redondos para que a xente puidera ver se un coche viña do camiño, pero xa hai tempo que rompeu e o único que fixeron foi substituílo por una sinal de ceda o paso.
Agora co cerramento do solar de onde estaba o bar "os tres pasos", ademáis de estar cheo de ratas, se queres atravesar o paso de peóns, tes que asomar a cabeza se non queres que te pasen por riba coas rodas. Lástima que non haxa un pouco de xustiza poética e sexa o que rompeu o espello ao que lle pasen por riba.

viernes, 19 de octubre de 2007

Sen aparcadoiro


Voltamos despois de moitos días sen escribir, e como non, é polos aparcadoiros. Neste barrio hai moitos vanos e espazos abertos, nada que ver con barrios como os Mallos ou a Falperra que o único que ves dende a túa ventá é a do teu veciño. Pois o dos espazos abertos non se corresponde cos aparcadoiros; pola mañá, se tes que deixar o coche, xa non digo diante da túa casa senón sequera cerca, é misión imposible; as horas do mediodía tes que esperar a que marchen os funcionarios dos Ministerios, e os que estudan na biblioteca, e se cadra algun outro empregado ou empregada da zona.
Hoxe vimos como unha patrulla dos municipais e un guindastre levaban todos os coches aparcados na beirarrúa que está entre a biblioteca e o centro cívico; eu pregúntome porqué chegamos a ter que deixar os coches enrriba da beirarrúa e se non será mellor que os que veñen co seu coche, o deixen na súa casa, e de paso nos deixan espazo os que vivimos aquí.
O que siga este caderno, seguramente pensará que o tema está xa un pouco roído, xa o tratei antes, pero é que o problema é diario.

miércoles, 26 de septiembre de 2007

Socavons na rua



Esta mañá un bo amigo chamoume para decirme que viu dende a súa casa como un coche metíase de cheo nunha gabia na avenida Camilo José Cela, a verdade é que despois do susto inicial decateime de que outra vez tíñamos as tuberías ó ar. Non sei se chamar ó concello e propoñerlles que aproveiten os ocos para meter un metro ainda que non sexa lixeiro, ou que amplíen o cemiterio de Oza polo medio da calzada. A verdade é que o asunto xa cheira, e non é só polas tuberías á vista, senon que parece que o noso barrio é o único no que rachan.


jueves, 6 de septiembre de 2007

Zona 30


Estes días din unha volta co coche polo barrio dos Rosales. È un paseo realmente tranquilo, e ademáis non te queda outra, xa que desde que os seus veciños se queixáran do tráfico hai un tempo, no concello tiveron a ben poñerlles a limitación da velocidade a 30 km/h.
Cousa por outro lado difícil de cumprir, xa que viven na contradicción de ter por un lado as mellores vías de comunicación dentro do barrio, e polo outro a norma máis restrictiva da Coruña, se exceptuamos a cidade vella.
Pódese pensar que son un fitipaldi, e nada máis lonxe da realidade, a verdade é que considérome un conductor tranquilo e prudente, e para nada amigo de andar a fume de carozo polas rúas, pero tamén penso que son realista cando digo que nunha rúa de dous carrís cun so sentido e con medianas axardinadas nas beiras, non é práctico ir a 30, o mesmo que noutros barrios como Monelos, sería desexable que puxeran un par de bandas rugosas para evitar que algún que outro “piloto” conduza o seu opel corsa trucado como se fora un mclaren.

jueves, 30 de agosto de 2007

Tuberías á vista


Se Monelos fora un home, estaría todo o tempo coas tripas ó ar.

Na nosa avenida están de obras, nesta ocasión tocoulle as aceras, viñeron os da auga e furaron a rúa de punta a punta, meteron os tubos, sacaron os vellos, puxeron cemento, e cando parecía que xa remataran, empezaron de novo e volveron a romper o hormigón que de seguro ainda estaba fresco.
Vale que errar é humano, pero parece que a teñen tomada co noso barrio, como se non quixera alguén que estemos cómodos, como se non merezamos unha acera sen buratos, e un asfalto de un só color. Porque o tema da calzada é outro, houbo un ano no que pintaron os sinais de tráfico, e cando aínda non secara a pintura, xa romperan o asfalto para meter cable-auga-gas-electricidade-o que sexa.
Un pouco de sentidiño home, e se non sabes aforrar nas obras, preguntalle a miña nai que seguro que as organiza mellor ca ti.

sábado, 4 de agosto de 2007

Gaivotas

A Real Academia Galega da Língua ten a seguinte acepción:

Gaivota. f. Ave mariña de plumaxe branca e gris, constitución robusta, ás longas e dedos dirixidos cara a adiante unidos por membranas natatorias, da que existen varias especies. Tamén se chama gavota.

Se fora eu quen o escribise nestes días, quedaría coma sigue:

Gaivota. Ratas con ás, que lixan os coches do barrio, especialmente os dos parvos coma min que os deixamos baixo os farois, que son os seus sitios favoritos para bombardear coas súas armas químicas.

Estou cheo das p... gaivotas


martes, 24 de julio de 2007

Os mariachis

Estábamos disfrutando dunha tarde con sol fronte o centro cívico, a xente empezou a animarse, e case acabamos cantando rancheras... Aaay Jaliscoooo.

viernes, 20 de julio de 2007

A derradeira casa de Monelos


Na nosa avenida están a piques de tirar abaixo a derradeira casa vella do barrio. En poucos anos foron desaparecendo todalas casas baixas e foron aparecendo modernos edificios de moitos pisos; desapareceu un estanco e apareceu outro, tiraron abaixo a tenda de Blas e puxeron primeiro un tinte e agora unha tenda de lencería, a caixa de aforros espabilouse e cando lle tiraron a casa onde estaba, mudouse máis arriba (que listos os bancos ¿non?). O caso é que xa case non lembro onde estaba cada tenda, así que saqueille unha foto a esta casa para non esquecer. Se cadra dentro de pouco non queda en pé máis que a tasca de Os Belés.

domingo, 15 de julio de 2007

Aparcar en Monelos


Hai anos que temos a biblioteca, e dende hai pouco o centro cívico e a nova praza, pero moitas veces as cousas boas traen tras de sí outras malas, e neste caso parécenos que unha das repercusións das novas infraestructuras do barrio é o problema do aparcamento. Pola mañá, cando a xente vai á praza, ou á biblioteca, ou a facer unha xestión ós ministerios, xa non ten onde deixar o coche, os aparcamentos libres suprimíronse convenientemente, e se consigue un sitio é a costa de un veciño do barrio. Se aquí rematase o problema, sería menos problema, pero a realidade é que a xente non lle ten respecto aos peons de monelos nin de outros barrios, e remata por deixar os coches enriba da acera. A solución non sei cal será, pero Monelos cheira a zona ORA cada vez mais forte.

martes, 26 de junio de 2007

Tornamos as meigas e cada ano somos máis


O prometido é débeda, e como xa adiantáramos noutro post, a noite de San Xoán pasámola no barrio en lugar de marchar á praia. Pero este ano non éramos os únicos, outro grupo de unha familia do barrio tamén saltou a lumeirada en Monelos. Quen sabe se para o ano xa somos tres? verémolo.

viernes, 22 de junio de 2007

O fin de curso


Hoxe rematou o curso escolar 2006/07, os nenos xa estaban desexando ter vacacións e os máis dos pais tamén, quedan por diante tres meses de praia e festa que ímos empezar este fin de semana coa lumeirada de San Xoán. Pero como non todo é lecer, no colexio Mª Pita antes de rematar editaron a revista das Nosas Letras, o seu xornal escolar, no que temos unha mostra do que fixeron os alumnos durante o ano.



martes, 19 de junio de 2007

A praia de Lazareto


Hoxe vamos á nova praia de Oza, pero antes de existir, no seu lugar estaba a de Lazareto, que eu xa coñecín co varadero ó lado. Non era moi recomendable nadar a dez metros de onde andaban a soldar nun barco, pero a verdade é que a praia sempre estaba chea no verán, e os mozos de Monelos pasábamos moitas tardes nela. Dende o noso barrio había que subir polo Castrillón, e polas leiras que hoxe son a praza de Pablo Iglesias, despois baixábamos ata Casablanca e de ahí atravesamos a vía do tren pola subida das Xubias e xa logo estabamos na escasa area que tiña. A nova praia de Oza é moito mais grande e ten mais servicios, pero despois de vir dela non teño esa sensación do salitre na pel, dando pasos cansos de volta a casa.

martes, 12 de junio de 2007

As lumeiradas


De aquí a poucos días, a noite do sábado 23, viviremos a noite de San Xoan. Non hai moitos anos, nesa noite toda a xente do barrio xuntábase nos aparcadoiros das torres dos mariñeiros; mentres os rapaces carretábamos madeira para facer a lumeirada, os maiores preparaban as sardiñas, ou esperaban sentados nas cadeiras a que chegaran as doce para plantarlle lume. Co paso dos anos o costume perdeuse e os mozos e os non tan mozos marchaban para as praias do centro para facer a festa alí. Pero o ano pasado rexurdíu a tradición, e xa fomos catro as familias que volvemos os aparcadoiros, ¿quen sabe os que seremos este ano?

sábado, 9 de junio de 2007

Os nenos do periódico do centro cívico de Monelos e o Depor


Na mañá de hoxe, os nenos que fan o periódico do centro cívico de Monelos (La Voz de Monelos), foron visitar os xogadores do Deportivo de A Coruña no entrenamento matutino na cidade deportiva en Abegondo. Pasamos todos moita calor, pero mereceulles a pena, xa que puidemos sacarnos fotos con case todos os xogadores e os dous entrenadores, e para mostra un botón: O da foto é Sergio, que xa é un gran amigo do periódico dos nenos, e ademáis sempre é moi amable con eles.

Tamén estiveron as rapazas de chicass10 do centro penitenciario de Teixeiro, aquí vai o seu blog http://www.chicass10.blogspot.com/.

viernes, 8 de junio de 2007

¿Pero quén pintou isto?


Si lle botamos unha ollada a fotografía, nos damos conta de que o que pintou, ou mandou pintar os carrís da avenida de Monelos nunca pisou o barrio. Hai anos que os que vivimos no barrio sabemos que a maioría do tráfico na avenida é de baixada, e aínda por riba o comercio está nesta banda do asfalto, isto fai que moitos conductores deixen os coches en dobre fila, e se o engadimos a que o único carril de baixada é sensiblemente máis estreito que os dous de subida, que normalmente están baleiros, temos o colapso asegurado.
Así que desde este caderno, pedimos que as cabezas pensantes do concello, polo menos que midan os carrís de Monelos, e que si teñen un pouco de tempo libre entre ascensores e tranvías, invertan as súas medidas.

PD.
Hoxe ao chegar a casa dixéronme que bachearon a avenida, e cando me asomo a ventá ¡sorpresa! Xa case non hai baches, non sei si terá algo que ver o post do outro día o xoves 10 de maio.

miércoles, 6 de junio de 2007

Festa fin de curso no colexio Mª Pita


Este venres día 1 de xuño celebrouse no colexio Mª Pita unha festa organizada pola APA, na que os nenos tiveron xogos como o de levar o ovo na culler, o xogo das cadeiras, e o pano. Os nenos pasárono moi ben, e despois os pais tiveron un partido de fútbol, primeiro eles sos e logo cos nenos da man. Ó final houbo quen abríu a billa da auga do patio e os rapaces fixeron a súa propia festa da auga. O fin de curso está a chegar.

jueves, 10 de mayo de 2007

Eleccións municipais

Temos que aproveitar estes tempos de eleccións para reivindicar os nosos dereitos, e denunciar os problemas que temos no barrio, si os políticos deixaran de abrazar as farolas, decataríanse de que a xente non está a mirar para eles e sí para os buratos que hai no asfalto.
Teñamos un pouco de sentidiño, que parece que non hai mais barrio ca Mesoiro (Unha aperta para os de Mesoiro).

domingo, 6 de mayo de 2007

Estreamos o noso blog

Esta é a primeira entrada deste blog. O barrio de Monelos está na periferia da cidade de A Coruña, en Galicia. En outro tempo pertencía ao desaparecido concello de Oza, pero a principios do século pasado pasou a formar parte do Concello de A Coruña. Somos un barrio principalmente residencial e obreiro, e a actividade económica limítase ó comercio. A avenida de Monelos é a nosa principal rúa, e tamén é a principal referencia no barrio.